Upload
doanhuong
View
213
Download
0
Embed Size (px)
Citation preview
93 anos. Ven sendo a derradeira etapa. O final xa non está moi lonxe. Que sorte poder aproveitala para lembrar o que serviu de alicerce ao meu compromiso político: os anos de resistencia e o programa elaborado polo Consello Nacional da Resistenciai. Debémoslle a Jean Moulin a reunión, no marco dese Consello, de todos os compoñentes da Francia ocupada, os movementos, os partidos, os sindicatos, para proclamaren a súa adhesión á Francia combatente e ao único xefe que esta recoñecía: o xeneral de Gaulle. En Londres –onde me unira a este en marzo de 1941‐ eu informábame de que o devandito Consello confeccionara un programa, que o aprobara o 15 de marzo de 1944 e que propuxera para a Francia liberada un conxunto de principios e de valores sobre os que repousaría a democracia moderna do noso país.
Destes principios e valores temos hoxe máis necesidade ca nunca. Correspóndenos velar a todos xuntos para que a nosa sociedade siga a ser unha sociedade da que esteamos orgullosos, non esta sociedade dos sen‐papeis, das expulsións, das sospeitas tocante aos inmigrantes, non esta sociedade na que se cuestiona a xubilación e as conquistas da Seguridade Social, non esta sociedade na que os medios de comunicación están nas mans dos enriquecidos, cousas todas que nos teriamos negado a permitir de sermos nós os auténticos herdeiros do Consello Nacional da Resistencia.
A partir de 1945, despois dun drama atroz, as forzas presentes no seo do Consello da Resistencia conságranse a unha ambiciosa reconstrución. Lembrémolo: é entón cando se crea a Seguridade Social, como desexaba a Resistencia e estipulaba o seu programa:
“Un plan completo de Seguridade Social, tendente a lles asegurar a todos os cidadáns medios de existencia en todos aqueles casos nos que eles sexan incapaces de os acadar por medio do traballo”.
“Unha xubilación que lles permita aos traballadores vellos acabaren dignamente os seus días”.
As fontes de enerxía, a electricidade e o gas, as minas de carbón e a gran banca son nacionalizadas. É o que preconizaba tamén este programa:
“ Volverlle á nación os grandes medios de produción monopolizados, froito do traballo común, as fontes de enerxía, as riquezas do subsolo, as compañías de seguros e a gran banca”.
“A instauración dunha verdadeira democracia económica e social que implica o afastamento dos grandes feudos económicos e financeiros da dirección da economía”.
O interese xeral debe primar sobre o interese particular, o xusto reparto das riquezas creadas polo mundo do traballo primar sobre o poder do diñeiro. A Resistencia propón:
“Unha organización racional da economía que asegure a subordinación dos intereses particulares ao interese xeral e estea liberada da ditadura profesional instaurada á imaxe dos estados fascistas”.
E o Goberno Provisorio da República toma o relevo das propostas.
A unha verdadeira democracia cómprelle unha prensa independente; a Resistencia sábeo e esíxeo defendendo:
“A liberdade da prensa, o seu honor e a súa independencia a respecto do Estado, dos poderes do diñeiro e das influencias estranxeiras”
É o que transmiten tamén os decretos sobre a prensa dende 1944. E é xustamente iso o que está hoxe en perigo.
A Resistencia reclamaba “a posibilidade efectiva para todos os rapaces franceses de se beneficiaren do ensino máis desenvolvido”, sen discriminacións, mais as reformas propostas en 2008 van contra deste proxecto. Algúns profesores mozos –cos que me solidarizo‐ chegaron mesmo a refugar a súa aplicación e viron os seus salarios amputados a xeito de castigo. Eles indignáronse, “desobedeceron”, consideraron estas reformas demasiado arredadas do ideal da escola republicana, demasiado ao servizo dunha sociedade do diñeiro e que xa non desenvolven de abondo o espírito creativo e crítico1.
Hoxe estanse a cuestionar os alicerces todos das conquistas sociais da Resistenciaii.
O motivo da resistencia é a indignación
Atrévense a dicirnos que o estado xa non pode afrontar o custe destas medidas cidadás. Mais: como pode faltar hoxe diñeiro para manter e prolongar estas conquistas cando a produción de riquezas aumentou considerablemente dende a Liberación, período no que Europa estaba arruinada? Non é senón porque o poder do diñeiro, tan combatido pola Resistencia, nunca foi tan grande, insolente e egoísta, tendo os seus propios servidores até nas máis altas esferas do Estado. Os bancos, agora privatizados, amósanse en primeiro lugar preocupados polos seus dividendos e polos altísimos 1 As persoas interesadas en coñeceren mellor as causas deste rexeitamento poden consultar en Internet a carta dun profesor ao seu inspector educativo rexeitando aplicar as reformas: http://www.scribd.com/doc/9674474/Lettre‐de‐refus‐dobeir‐face‐au‐projet‐de‐reforme‐Darcos‐instituteur2008 (Nota do tradutor)
salarios dos seus directivos, non polo interese xeral. A distancia entre os máis pobres e os máis ricos nunca tan importante foi, e a carreira polo diñeiro e a competición nunca tan fomentada.
O motivo básico da resistencia era a indignación. Nós, veteranos dos movementos de resistencia e das forzas combatentes da Francia Libre chamamos as xeracións mozas a faceren vivir e a transmitiren o herdo da Resistencia e os seus ideais. Nós dicímoslles: tomade o relevo, indignádevos! Os responsábeis políticos, económicos, intelectuais e o conxunto da sociedade non deben dimitir nin deixarse impresionar pola actual ditadura internacional dos mercados financeiros que ameazan a paz e a democracia.
Deséxovos a todos e a cada un de vós que teñades o voso motivo de indignación. É valiosísimo. Cando algo vos indigna, como a min me indignou o nazismo, daquela un faise militante, forte e comprometido. Únese á gran corrente da Historia, e a gran corrente da Historia debe proseguir grazas a cada un de nós. Esta corrente camiña cara a unha maior xustiza e maior liberdade, mais non esa liberdade incontrolada do raposo no galiñeiro. Estes dereitos, que en 1948 a Declaración Universal recolleu en programa, son universais. Se vós atopades alguén que non goza deles, compadecédeo e axudádelle a conquistalos.
Dúas visións da Historia
Cando eu intento comprender cal foi a causa do fascismo, a causa de que nos invadira este e o réxime de Vichy, dígome que os acaudalados, co seu egoísmo, tivéronlle un medo terríbel á revolución bolxevique. E deixáronse conducir polo seu medo. Mais se, hoxe coma entón, se ergue unha minoría activa, ha ser abondo, teremos o fermento para que a pasta levede. De certo que a experiencia de alguén moi vello coma min, nacido en 1917, é diferente da experiencia dos mozos de hoxe. Con frecuencia pido aos profesores de secundaria que me deixen intervir ante os seus alumnos, e dígolles: Vós non tedes as mesmas razóns evidentes para vos comprometerdes. Para nós, resistir era non aceptar a ocupación alemá e a desfeita. Era relativamente sinxelo. Sinxelo como o que veu despois: a descolonización. E despois, a guerra de Alxeria. Cumpría que Alxeria fose independente, era unha evidencia. Canto a Stalin, todos nós aplaudimos a vitoria do Exército Vermello sobre dos nazis en 1943. Mais xa cando coñeceramos os grandes procesos stalinistas de 1935 –e mesmo se cumpría prestar un ouvido ao comunismo para contrapesar o capitalismo americano‐ a necesidade de se opor a esta forma insoportábel de totalitarismo impuxérase como unha evidencia. A miña longa vida deume unha sucesión de razóns de me indignar.
Estas razóns naceron menos dunha emoción ca dunha vontade de compromiso. O normalien2 mozo que eu era viuse moi influído por Sartre, condiscípulo máis vello. A náusea e O muro – non O ser e a nada‐ foron moi importantes na formación do meu pensamento. Sartre aprendeunos a nos dicirmos: “Vós sodes responsábeis en tanto que individuos”. Era unha mensaxe libertaria. A responsabilidade do home que non pode remitirse nin a un poder nin a un deus. Ao contrario: é preciso comprometerse en nome da propia responsabilidade de persoa humana. Cando en 1939 entrei na École Normale Supérieure da rue d’Ulm, en París, entraba nela como férvido discípulo do filósofo Hegel e asistía ao seminario de Maurice Merleau‐Ponty. O seu ensino exploraba a experiencia concreta, a do corpo e a das súas relacións co sentido, relevante singular fronte ao plural dos sentidos. Pero o meu optimismo natural que quere que todo o que é desexábel sexa posíbel, levábame máis cara a Hegel. O hegelianismo interpreta a longa historia da Humanidade como dotada de sentido: é a liberdade do home que progresa de etapa en etapa. A Historia esta feita de choques sucesivos, é a asunción de desafíos. A historia das sociedades progresa e, ao cabo, acadada polo home a liberdade completa, temos o Estado democrático na súa forma ideal.
Existe, claro, outra concepción da Historia. Os progresos feitos pola liberdade, a competición, a carreira cara a “sempre máis”, poden ser vividos coma un furacán destrutor. É así como a representa un amigo de meu pai, o home que compartiu con el a tarefa de traducir ao alemán Á procura do tempo perdido, de Marcel Proust. É o filósofo alemán Walter Benjamin. El tirara unha mensaxe pesimista dun cadro do pintor suízo Paul Klee, o Angelus Novus, no que a figura do anxo abre os brazos como para conter e rexeitar unha treboada que el identifica co progreso. Para Benjamin, que se suicidará en setembro de 1940 para fuxir do nazismo, o sentido da Historia é o camiñar irresistíbel de catástrofe en catástrofe.
A indiferenza, a peor das actitudes
É certo, as razóns de se indignar poden parecer hoxe menos nidias, ou o mundo complexo de máis. Quen manda? Quen decide? Non sempre é doado distinguir entre todas as correntes que nos gobernan. Non temos xa diante unha pequena elite da que entendemos claramente o xeito de actuar. É un vasto mundo que percibimos como interdependente. Vivimos nunha interconectividade moito máis grande do que endexamais existiu. Mais neste mundo hai cousas insoportábeis. Para velo cómpre 2 Alumno ou ex‐alumno da École Normale Supérieure. Durante moitas décadas, a da rue d’Ulm, en París, foi a única existente en Francia. A súa fundación remóntase a 1794, época da Convención. Esta escola é un dos máis prestixiosos centros universitarios de Europa e nela –tras unha rigorosa selección‐ estudantes de todas as materias, humanísticas ou científicas, reciben unha formación moi cualificada. Normaliens e normaliennes forman parte da elite do profesorado universitario, da investigación e dos corpos da Administración do Estado. (N. d. t.)
ollar e buscar ben. Eu dígolle aos mozos: Buscade un pouquiño e habedes atopar. A peor actitude é a indiferenza, dicir: “Eu non podo facerlle nada, eu voume apañando”. Ao vos comportardes así, perdedes unha das compoñentes esenciais que caracterizan ao ser humano: a capacidade de indignación e o compromiso que se deriva dela.
Podemos xa identificar dous novos grandes desafíos:
1.‐ A inmensa distancia que existe entre os moi pobres e os moi ricos, que non cesa de aumentar.
É unha innovación dos séculos XX e XXI. Os moi pobres, no mundo de hoxe, gañan a penas dous dólares por día. Non podemos permitir que esta distancia siga a aumentar. Esta sinxela constatación debe suscitar o compromiso.
2.‐ Os dereitos humanos e o estado do planeta.
Eu tiven a sorte, despois da Liberación, de estar asociado á redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, adoptada pola Organización das Nacións Unidas o 10 de decembro de 1948 en París, no Palacio de Chaillot. En calidade de xefe do gabinete de Henri Laugier –secretario xeral adxunto da ONU‐ e secretario da Comisión dos Dereitos Humanos, participei, xuntamente con outras persoas, na redacción desa declaración. Non podo esquecer na súa elaboración o papel de René Cassin ‐ Comisario Nacional de Xustiza e Educación do goberno da Francia Libre en Londres en 1941, que foi premio Nobel da Paz en 1948‐ nin o de Pierre Mendès‐France no seo do Consello Económico e Social ao que os textos que nós elaborabamos eran sometidos antes de seren examinados pola Terceira Comisión da Asemblea Xeral, encargada das cuestións sociais, humanitarias e culturais. Formaban parte dela os cincuenta e catro estados que entón eran membros das Nacións Unidas e eu desempeñaba a función de secretario.
Debémoslle a René Cassin o termo de dereitos universais e non internacionais como propuñan os nosos amigos anglosaxóns. Porque era xustamente iso o que estaba en xogo ao saírmos da Segunda Guerra Mundial: emancipármonos das ameazas que o totalitarismo fixo pesar sobre a Humanidade. Para nos emanciparmos delas, cómpre conseguir que os estados membros da ONU se comprometan a respectar eses dereitos universais. É unha maneira de desmontar o argumento da soberanía plena que un estado pode facer valer mentres comete crimes contra a Humanidade no seu solo. Foi o caso de Hitler, que se consideraba o amo do seu país e autorizado a provocar un xenocidio. Esta Declaración Universal débelle moito á revulsión universal ante o nazismo, o fascismo e o totalitarismo, e mesmo –a través da nosa presenza‐ ao espírito da Resistencia. Eu sentía que había que facer as cousas rapidamente, non ser inxenuo coa hipocrisía na adhesión proclamada polos vencedores a estes valores que non todos tiñan a intención de promover lealmente e que nos tratabamos de lles imporiii.
Non resisto a citar o artigo 15 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos: “Todo individuo ten dereito a unha nacionalidade”. E o artigo 22: “Toda persoa, en tanto que membro da sociedade, ten dereito á seguridade social; esta fúndase para lograr a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais indispensábeis para a súa dignidade e para o libre desenvolvemento da súa personalidade, grazas ao esforzo nacional e á cooperación internacional, considerada a organización e os recursos de cada país.” E se esta declaración ten un alcance declarativo e non xurídico, non por iso deixou de desempeñar un importante papel dende 1948; houbo pobos colonizados que se aferraron a ela na súa loita de independencia. A Declaración fecundou as mentes no seu combate pola liberdade.
Constato con pracer que no decurso das últimas décadas se multiplicaron as organización non gobernamentais, os movementos sociais como Attac (Asociación pola taxación das transaccións financeiras), a FIDH (Federación Internacional dos Dereitos Humanos), Amnistía Internacional… que son activas e acadan resultados. É evidente que hoxe, para ser eficaz, é preciso actuar en rede, aproveitar todos os medios modernos de comunicación.
Aos mozos dígolles: ollade arredor de vós, habedes atopar aí os temas que xustifican a vosa indignación: o trato dado aos inmigrantes, aos sen‐papeis, aos romanís. Habedes atopar situacións concretas que vos leven a exercer unha rexa acción cidadá. Buscade e habedes atopar!
A miña indignación a propósito de Palestina
Hoxe, a miña indignación principal refírese a Palestina, a banda de Gaza e a Cisxordania. Este conflito e fonte mesmo de indignación. É absolutamente preciso ler o informe Richard Goldstone de setembro de 209 sobre Gaza no que este xuíz surafricano, xudeu, que mesmo se declara sionista, acusa o exército israelí de ter cometido “actos asimilábeis a crimes de guerra e se cadra , en certas circunstancias, a crimes contra a Humanidade” durante a súa operación Chumbo endurecido que durou tres semanas. Eu, en concreto, volvín en 2009 a Gaza, onde puiden entrar coa miña muller grazas a un pasaporte diplomático a fin de estudar de visu o que dicía este informe. As persoas que nos acompañaban non foron autorizadas a entrar na banda de Gaza. Nin alá nin na Cisxordania. Visitamos tamén os campos de refuxiados palestinos instalados dende 1948 pola UNRWA, a axencia das Nacións Unidas, nos que máis de tres millóns de palestinos expulsados das súas terras por Israel agardan un retorno cada vez máis problemático. Tocante a Gaza, é unha prisión a ceo aberto para un millón e medio de palestinos. Unha prisión na que se organizan para sobreviviren.
Aínda máis que as destrucións materiais como a do hospital do Crecente Vermello polo Chumbo endurecido, remanecen na nosa memoria o comportamento
dos gazauís, o seu patriotismo, o seu amor polo mar e as praias, a súa constante preocupación polo benestar dos seus fillos, innumerábeis e riseiros. Impresionounos a súa enxeñosa maneira de afrontar todas as penurias que lles son impostas. Vímolos fabricar ladrillos, a falta de cemento para reconstruír os milleiros de casas destruídas polos tanques. Confirmáronnos que houbera no campo palestino mil catrocentos mortos (incluíndo mulleres, nenos e vellos) no decurso desta operación Chumbo endurecido efectuada polo exército israelí contra só cincuenta feridos por parte israelí. Comparto as conclusións do xuíz surafricano. Que uns xudeus poidan pola súa parte perpetrar crimes de guerra é insoportábel. Infelizmente, a Historia fornece poucos exemplos de pobos que tiren leccións da súa propia historia.
Ben o sei: Hamás, que gañara as últimas eleccións lexislativas non puido evitar que se lanzasen mísiles contra as vilas israelís en resposta á situación de illamento e de bloqueo na que se atopan os gazauís. Evidentemente, penso que o terrorismo é inaceptable, mais cómpre recoñecer que cando estades ocupados con medios militares infinitamente superiores aos vosos, a reacción popular non pode ser só non‐violenta.
Seica beneficia a Hamás lanzar mísiles contra a vila de Sdérot? A resposta é “non”. Non beneficia á súa causa, mais pódese explicar este xesto pola desesperación dos gazauís. Na noción de desesperación cómpre entender a violencia coma unha lamentábel conclusión de situacións inaceptábeis para os que a sofren. Daquela, pódese dicir que o terrorismo é unha forma de desesperación. E que esta desesperación é un termo negativo. Non habería que des‐esperar, habería que esperar. A desesperación é unha negación da esperanza. É comprensíbel, e eu case diría que é natural, mais non por iso é aceptábel. Porque non permite lograr os resultados que pode eventualmente producir a esperanza.
A non‐violencia, o camiño que debemos aprender a seguir
Estou convencido de que o porvir pertence á non‐violencia, á conciliación das culturas diferentes. Por este vieiro debe a Humanidade franquear a súa próxima etapa. Niso únome a Sartre: non podemos desculpar aos terroristas que poñen bombas, podémolos comprender. Sartre escribe en 1947: “Recoñezo que a violencia, en calquera forma que se manifeste, é un fracaso. Mais é un fracaso inevitábel porque estamos nun universo de violencia. E se é certo que o recurso da violencia contra a violencia corre o risco de a perpetuar, tamén é certo que é o único xeito de a facer rematariv”. Ao que eu engadiría que a non violencia é un medio máis seguro de a facer rematar. Non podemos apoiar os terroristas, como fixo Sartre en nome deste principio durante a guerra de Alxeria ou cando do atentado cometido nos xogos de Munich, en 1972, contra atletas israelís. Non é eficaz e o propio Sartre acabará por se interrogar ao final da súa vida sobre o sentido do terrorismo e a dubidar da súa razón de ser.
Dicirnos “a violencia non é eficaz” é moito máis importante ca saber se debemos condenar ou non os que a utilizan. O terrorismo non é eficaz. Na noción de eficacia, cómpre unha esperanza non violenta. Se existe unha esperanza violenta é na poesía de Guillaume Apollinaire (“Que l’espérance est violente3”) non en política. Sartre , en marzo de 1980, a tres semanas da súa morte, declaraba: “Cómpre tentar de explicar por que o mundo de agora, que é horríbel, non é senón un momentiño no longo desenvolvemento histórico, que a esperanza sempre foi unha das forzas dominantes das revolucións e das insurreccións e o moito que eu sinto aínda a esperanza como concepción miña do porvirv”.
Cómpre entender que a violencia vira as costas ao esperanzamento. Cómpre preferir a esperanza, a esperanza da non‐violencia. É o camiño que debemos aprender a seguir. Tanto pola banda dos opresores como pola dos oprimidos, cómpre chegar á negociación para facer desaparecer a opresión; iso é o que permitirá que non haxa xa violencia terrorista. Por iso cómpre non deixar que se acumule demasiada xenreira.
A mensaxe dun Mandela e dun Martin Luther King atopa toda a súa pertinencia nun mundo que superou a confrontación das ideoloxías e o totalitarismo conquistador. É unha mensaxe de esperanza na capacidade das sociedades modernas para superar os conflitos a través da comprensión mutua e a paciencia vixiante. Para acadalo cómpre fundamentarse nos dereitos, e a violación destes –sexa de quen for a autoría‐ debe provocar a nosa indignación. Sobre estes dereitos non se transixe.
Por unha insurrección pacífica
Eu sinalei –e non fun o único‐ a reacción do goberno israelí confrontado ao feito de que cada venres os cidadáns de Bil ’id van, sen lanzaren pedras e sen utilizaren a forza, até o muro contra do que protestan. As autoridades israelís cualificaron esta marcha como “terrorismo non‐violento”. Non está mal… Cómpre ser israelí para cualificar como terrorista a non‐violencia. Mais sobre todo cómpre sentirse alterado pola eficacia da non‐violencia, que reside en que suscita o apoio, a comprensión e o sostemento de todos aqueles que no mundo son adversarios da opresión.
O pensamento produtivista, espallado por Occidente, arrastrou o mundo a unha crise da que é preciso saír a través dunha ruptura radical coa fuxida adiante do “sempre máis” no eido financeiro e tamén no eido científico e técnico. É ben tempo de que a arela de ética, de xustiza e de equilibrio perdurábel prevaleza. Porque nos ameazan os máis graves perigos. E poden pórlle punto final á aventura humana nun planeta que ela pode volver inhabitábel para o home.
3 Alusión a un verso do coñecido poema Le pont Mirabeau. (N. d. t.)
Mais segue a ser certo que se teñen feito importantes progresos dende 1948: a descolonización, o remate do apartheid, a destrución do imperio soviético, a caída do muro de Berlín… Pola contra, os dez primeiros anos de século XXI constituíron un período de recuamento. Este recuamento explícase, ao meu ver, pola presidencia americana de George Bush, polo 11 de setembro e polas consecuencias desastrosas que del tiraron os Estados Unidos, como esa intervención militar en Irak. Tivemos esa crise económica mais non fomos quen de encetar unha nova política de desenvolvemento. Coa mesma, o cumio de Copenhague contra o quecemento climático non permitiu emprender unha verdadeira política de preservación do planeta. Estamos nun limiar: entre os horrores da primeira década e as posibilidades das décadas seguintes. Mais cómpre ter esperanza. Cómpre ter sempre esperanza. A década anterior, a dos anos 1990, orixinara grandes progresos. As Nacións Unidas souberon convocar conferencias como a de Río sobre o ambiente, en 1992, e a de Pequín sobre a muller, en 1995. En setembro de 2000, por iniciativa do secretario xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan, os 191 países membros aprobaron a declaración sobre os “Oito obxectivos do milenio para o desenvolvemento” pola que se comprometen nomeadamente a reducir á á metade a pobreza no mundo de aquí a 2015. A miña grande tristura é que nin Obama nin a Unión Europea se teñan manifestado aínda co que debería ser a súa achega a unha fase construtiva alicerzada nos valores fundamentais.
Como rematar este chamamento á indignación? Lembrando outra volta que, con ocasión do sesaxésimo aniversario do Programa do Consello Nacional da Resistencia, diciamos o 8 de marzo de 2004 os veteranos dos movementos da Resistencia e das forzas combatentes da Francia Libre (1940‐1945) que de certo “o nazismo está vencido grazas ao sacrificio dos nosos irmáns e irmás da Resistencia e das Nacións Unidas contra a barbarie fascista. Mais esta ameaza non desapareceu totalmente e a nosa carraxe contra a inxustiza permanece intactavi”.
Non, esta ameaza non desapareceu totalmente. En consecuencia, seguimos chamando a “unha verdadeira insurrección pacífica contra os medios de comunicación que non propoñen outro horizonte para a nosa mocidade senón o consumo masivo, o desprezo dos máis feble e da cultura, a amnesia xeneralizada e a competición desbocada de todos contra todos”.
A aqueles que construirán o século XXI dicímoslle co noso afecto
“CREAR É RESISTIR. RESISTIR É CREAR”
NOTAS DA EDICIÓN ORIXINAL ELABORADAS DE ACORDO CO AUTOR
i Creado clandestinamente o 27 de maio de 1943 en París polos representantes dos oito grandes movementos da Resistencia, dos dous grandes sindicatos de antes da guerra ( a CGT e a CFTC ou Confederación Francesa de Traballadores Cristiáns), e dos seis principais partidos políticos da Terceira República (entre eles o PC e a SFIO ou partido socialista), o Consello Nacional da Resistencia mantivo a súa primeira xuntanza ese mesmo día baixo a presidencia de Jean Moulin, delegado do xeneral de Gaulle que quixo constituír este Consello para facer máis eficaz a loita contra os nazis e reforzar a súa propia lexitimidade ante os aliados. De Gaulle encarregoulle a este Consello a elaboración dun programa de goberno en previsión da liberación de Francia. O programa fixo varias viaxes de ida e volta entre o CNR e o goberno da Francia Libre, a un tempo en Londres e Alxer, antes de ser aprobado o 15 de marzo de 1944 polo plenario da asemblea do CNR. Este programa foille entregado solemnemente ao xeneral de Gaulle polo CNR o 25 de agosto de 1944 na Casa do Concello de París. Reparemos en que o decreto sobre a prensa foi xa publicado o 26 de agosto. Un dos principais redactores do programa foi Roger Ginsburger, fillo dun rabino alsaciano que naquel momento era –baixo o pseudónimo de Pierre Villon‐ secretario xeral da Fronte Nacional pola independencia de Francia ‐movemento de resistencia creado polo Partido Comunista Francés en 1941‐ que el representou no seo do CNR e da súa comisión permanente. ii Segundo estimacións sindicais, pasouse de o importe das pensións representar o 75‐80% do ingreso a aproximadamente un 50%, en cifras globais. Jean‐Paul Domin, profesor de Economía na Universidade de Reims‐Champagne‐Ardennes, redactou en 2010 un informe para o Instituto Europeo dos Salarios sobre “O seguro médico complementario”. Nel revela que o acceso a un complementario de calidade é nestes momentos un privilexio determinado pola xerarquía laboral, que os máis febles renuncian a algúns tratamentos por falta de seguros complementarios e pola importancia da diferenza a pagar, que a orixe do problema está en non ter feito do salario a base dos dereitos sociais , punto central dos decretos do 4 e 15 de outubro de 1945. Estes instituían a Seguridade Social e colocaban a súa xestión baixo a dupla autoridade dos traballadores e do Estado. Dende as reformas de Juppé en 1995, promulgadas por decreto, e despois, en 2004, a lei Douste Blazy (doutor en Medicina), só o Estado xestiona a Seguridade Social. Por exemplo, é o Xefe do Estado quen nomea por Decreto o director xeral da Caixa Nacional do Seguro de Enfermidade (CNAM). Xa non son sindicalistas –como nos días seguintes á Liberación‐ as persoas que están á fronte das caixas primarias departamentais (4) senón o Estado ao través dos prefectos. Os representantes dos traballadores só teñen nelas un papel consultivo. iii A Declaración Universal dos Dereitos Humanos foi aprobada o 10 de decembro de 1948 en París pola Asemblea das Nacións Unidas, por 48 estados dun total de 58. Oito abstivéronse: África do Sur, a causa do apartheid que a Declaración condenaba de feito, Arabia Saudita, polo mesmo, a causa da desigualdade entre homes e mulleres, a Unión Soviética (Rusia, Ucraína e Bielorrusia), Polonia, Checoslovaquia e Iugoslavia, por estimaren pola súa banda que a Declaración non avanzaba de abondo nos dereitos económicos e sociais nin nos dereitos das minorías. Repárese, con todo, que Rusia en concreto opúxose á proposta australiana de crear un Tribunal Internacional dos Dereitos Humanos encarregado de examinar as peticións dirixidas ás Nacións Unidas. Cómpre lembrar aquí que o artigo 8 da Declaración establece o principio do recurso individual contra un Estado no caso de violación dos dereitos fundamentais; este principio sería aplicado en 1998 coa creación do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos permanente que garante ese dereito ao recurso a máis de 800 millóns de europeos. iv Sartre, J.‐P.: Situation de l’écrivain en 1947, in Situations II, París, Gallimard, 1948. v Sartre, J.‐P.: Maintenant l’espoir…(III) in Le Nouvel Observateur, 24 de marzo de 1980.
vi Os asinantes do chamamento do 8 de marzo de 2004 son Lucie Aubrac, Raymond Aubrac, Henri Bartoli, Daniel Cordier, Philippe Dechartre, Georges Guingouin, Stéphane Hessel, Maurice Kriegel‐Valrimont, Lise London, Georges Séguy, Germaine Tillion, Jean‐Pierre Vernant e Maurice Voutey. Este chamamento tivo un gran eco nas xeracións mozas, igual que o discurso improvisado por Stéphane Hessel o 17 de maio de 2009 na chan de Glières, con ocasión da xuntanza anual “Palabras de Resistencias” convocado por iniciativa da asociación “Cidadáns Resistentes de Onte e de Hoxe”. Lembrando que “o motivo da Resistencia” fora “a indignación”. Hessel clamou: “Atopade os vosos propios motivos de indignación, unídevos a esta gran corrente da Historia!”. Recollida polo cineasta Gilles Perret para o seu filme Walter, regreso á resistencia, esta intervención foi o punto de partida do texto aquí publicado. Pódese consultar con proveito o sitio Internet da asociación: www.citoyens‐resistants.fr
(4) Delegacións locais da devandita Caixa Nacional do Seguro de Enfermidade –unha das seccións da Seguridade Social‐ que en xeral teñen ámbito departamental, equivalente ao da “provincia” española. A autoridade que representa o Goberno do Estado nos departamentos é o prefecto, cargo similar ao antigo “gobernador civil” en España. (N. d. t.)
POSFACIO DA EDICIÓN ORIXINAL
Stéphane Hessel naceu en Berlín en 1917, de pai xudeu, escritor e tradutor, Franz Hessel, e de nai pintora e melómana, Helen Grund, tamén escritora. Seus pais establécense en Paris en 1924, cos seus dous fillos: Ulrich, o máis vello, e Stéphane. Grazas ao ambiente familiar, os dous frecuentan a vangarda parisiense, como o dadaísta Marcel Duchamp e o escultor americano Alexander Calder. En 1939 Stéphane entra na Escola Normal Superior da rue d’Ulm, mais a guerra interrompe os seus estudos. Nacionalizado francés dende 1937, é mobilizado e coñece a drôle de guerre (5) e ve o mariscal Pétain vender a soberanía francesa. En maio de 1941 únese á Francia Libre do xeneral de Gaulle, en Londres. Traballa no Servizo de Contra‐Espionaxe, de Información e Acción (BCRA). Nunha noite do final de marzo de 1944 desembárcano clandestinamente en Francia có nome en código de Greco e a misión de entrar en contacto coas diferentes redes parisienses e de atopar novos lugares de emisión para transmitir a Londres as información recibidas orientadas ao desembarco aliado. O 10 de xuño a Gestapo aprésao en París por unha delación (“Non hai que
perseguir a alguén que falou baixo torturas”, escribirá el nun libro de memorias, Bailando co século, en 1997). Despois de varios interrogatorios baixo torturas –a “bañeira”, especialmente, mais desconcerta ao torturadores falándolles en alemán, a súa lingua natal‐ é enviado ao campo de concentración de Buchenwald, en Alemaña, o 8 de agosto de 1944, é dicir, uns días antes da liberación de París. O día anterior ao que ía ser aforcado, logra in extremis trocar a súa identidade pola dun francés falecido de tifo no campo. Baixo un novo nome, Michel Boitel, de oficio fresador, é transferido ao campo de Rottleberode, próximo á fabrica dos trens de aterraxe dos bombardeiros alemáns Junker 52, mais felizmente –a súa eterna sorte‐ destínano ao servizo de contabilidade. Evádese. Capturado, trasládano ao campo de Dora, no que se fabrican os foguetes V‐1 e V‐2 cos que os nazis esperan aínda gañar a guerra. Enviado á compañía disciplinaria, evádese de novo, esta vez definitivamente; as tropas aliadas estanse achegando a Dora. Finalmente regresa a París e se reúne coa súa muller, Vitia, a nai dos seus tres fillos, dous rapaces e unha rapaza. “Esta vida restituída cumpría comprometela”, escribe o veterano da Francia Libre nas súa memorias. En 1948, despois de ter aprobado o concurso de entrada ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Stéphane Hessel convértese en diplomático. O seu primeiro destino é nas Nacións Unidas onde ese ano Henri Laugier –secretario xeral adxunto da ONU e secretario da Comisión dos Dereitos Humanos‐ lle propón ser o seu secretario de gabinete. En calidade de tal únese á comisión encarregada de elaborar o que será a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Considérase que dos seus doce membros, seis desempeñaron un papel fundamental:
‐Eleanor Roosevelt. Viúva do Presidente Roosevelt (falecido en 1945). Feminista comprometida. É a presidenta da comisión. ‐o doutor Chang (da China de Chiang‐Kai‐Chek, non da de Mao). Vicepresidente da comisión. El afirmou que a Declaración non debía reflectir unicamente as ideas occidentais. ‐Charles Habib Malik (Líbano). Relator da comisión. Cualificado con frecuencia como a “forza impulsora” xuntamente con Eleanor Roosevelt. René Cassin (Francia). Xurista e diplomático, presidente da Comisión Consultiva dos Dereitos Humanos ante o Ministerio de Asuntos Exteriores francés. A el se lle debe a redacción de varios artigos e ter sabido conciliar o acordo esguellando os temores de varios países (incluída Francia) que vían a súa soberanía colonial ameazada por esta declaración. Tiña unha concepción esixente e intervencionista encol do Dereitos Humanos. ‐John Peters Humphrey (Canadá). Avogado e diplomático. Estreito colaborador de Laugier. Escribiu o primeiro esbozo, un documento de 400 páxinas.
‐Stéphane Hessel (Francia). Diplomático. Xefe de gabinete de Laugier. O membro máis novo da comisión. Vese o moito que o espírito da Francia Libre inspirou esta comisión.
A Declaración foi aprobada o 10 de decembro de 1948 polas Nacións Unidas en París, no Palacio de Chaillot. Coa afluencia de novos funcionarios –moitos deles en procura dun posto ben remunerado e “que illan aos marxinais que perseguen un ideal”, segundo o propio comentario de Hessel nas súas memorias‐ abandona as Nacións Unidas. Durante a guerra de Alxeria, milita a prol da independencia alxeriana. En 1977, coa complicidade do secretario xeral do Elíseo (6), Claude Brossolette (fillo de Pierre, antigo xefe do BCRA), o Presidente Giscard d’Estaing proponlle o posto de embaixador ante as Nacións Unidas, en Xenebra. Non agacha que de entre todos os estadistas franceses, aquel do que máis próximo se sentiu foi Pierre Mendès France (7), ao que coñeceu en Londres no tempo da Francia Libre e volveu a atopar nas Nacións Unidas en 1946, en Nova York, onde Mendès France representaba a Francia no seo do Consello Económico e Social. Deberalle a súa consagración como diplomático a “esa modificación no goberno de Francia que constitúe a chegada de François Mitterrand ao Elíseo”, en 1981, segundo el escribe. “Esta converteu un diplomático de especialización bastante estreita na cooperación multilateral, a dous anos do retiro, un embaixador de Francia.” Afíliase ao partido socialista. “Pregúntome por que. Primeira resposta. O shock do ano 1995 (8). Non podía imaxinar os franceses imprudentes de abondo como para levar a Jacques Chirac á presidencia”. Ao dispor a partir dese momento dun pasaporte diplomático, viaxa en 2008 e 2009 coa súa nova muller á banda de Gaza e ao seu regreso testemuña sobre a dolorosa existencia dos gazauís. “Eu sempre me situei no lado dos disidentes”, declara nese mesmo momento. É, de certo, ese o que fala aquí, aos 93 anos. Sylvie Crossman
(5) “A guerra estraña”. Así se chama popularmente en francés ao primeiro período da guerra de 1939‐
45, caracterizado por unha estraña tranquilidade na fronte. (N. d. t.) (6) O palacio do Elíseo é a residencia do Presidente da República Francesa. (N. d. t.) (7) Importante político francés que constituíu un referente ético da esquerda. (N. d. t) (8) Co enfrontamento dos dous líderes da dereita francesa (Balladur e Chirac) nas eleccións presidenciais
de 1995 ten lugar unha agre campaña na que saen ao coñecemento público distintos escándalos políticos e económicos nos que estaría implicado Chirac. (N. d. t.)