Upload
filmotecaforum
View
104
Download
0
Embed Size (px)
Citation preview
F. W. MurnauN: 28 de decembro de 1888,
Bielefeld, Westfalia (Alemaña)
M: 11 de marzo de 1931,Santa Barbara, California (EEUU)
Friedrich Wilhelm Plumpe naceu en decembro de 1888 na Westfalia alemá (daquela aínda “Imperio Alemán”). A súa era unha familia burguesa; o seu pai tiña unha fábrica de telas. O mozo Plumpe lía a Shakespeare, Ibsen e Nietzsche e encenaba obras na casa familiar.
Estudou Filoloxía en Berlín e despois Literatura e Arte en Heidelberg, onde coñeceu a Max Reinhardt, que o convidou a ingresar na súa escola de teatro. Adoptou como apelido artístico “Murnau”, unha vila bávara 70 quilómetros ao sur de Munich.
A Primeira Guerra Mundial cruzouse na súa vida, como na de tantos outros. Uniuse á forza aérea alemá e combateu no norte de Francia. Sobreviviu a oito accidentes aéreos sen danos relevantes.
De volta á Alemaña logo do final da guerra, montou unha produtora co actor Conrad Veidt (O gabinete do Doutor Caligari, Casablanca). Debuta na dirección con Der Knabe in Blau (O mozo de azul, 1919), do que se conservan só fragmentos duns poucos fotogramas. Desta etapa inicial hai varios filmes perdidos, entre eles Der Januskoph, versión do Dr Jeckyll and Mr Hyde de Robert Louis Stevenson. De Satanas (1919), produción que reunía a grandes figuras do cinema alemán daquel tempo (o cámara Karl Freund, o decorador Ernst Stern e os actores Conrad Veidt e Fritz Kortner), consérvanse tres minutos.
Para o espectador contemporáneo o cinema de Murnau comeza, pois, coa súa sétima longa, Der Gang in die Nacht (Viaxe cara á noite, 1921). Veñen logo Schloß Vogelöd (O castelo de Vogelöd, 1921), Marizza (1921, queda só un fragmento) e Der brennende Acker (O chan ardente, 1921).
En 1922 chega un dos fimes que cimentan a lenda de Murnau: Nosferatu, eine Symphonie des Grauens (Nosferatu, unha sinfonía do horror), adaptación non autorizada do Drácula de Bram Stoker, do que tomaron aspectos esenciais mais facendo algúns cambios, en particular os nomes (Nosferatu, Conde Orlok).
A viúva do escritor, Florence Stoker, puxo unha demanda por infracción dos dereitos de autor. Gañou o xuízo e o tribunal ordenou a destrución das copias do filme. Felizmente, algunhas sobreviviron e así Nosferatu acabou por converterse nun dos filmes máis influentes da historia do cinema.
O xenio de Murnau suma novos fitos: Phantom (1922), Die Finanzen des Großherzogs (As finanzas do Gran Duque, 1924) e por fin unha obra maior no cinema silente, Der letzte Mann (O último, 1924), con Emil Jannings. Extraordinario exercicio de técnica visual e depuración narrativa que prescinde case por completo dos intertítulos.
Fixo dous filmes máis na Alemaña, Herr Tartüff (Tartufo, 1925) e Faust (Fausto, 1926). Fausto foi un filme complexo, caro e de longa rodaxe, a maior produción da UFA até a chegada do Metrópolis de Fritz Lang.
Considerado un dos cineastas de referencia no seu tempo, Murnau emigrou a Hollywood fichado pola Fox, que lle outorgou máxima liberdade para facer Sunrise: A Song of Two Humans (1927), con George O'Brien e Janet Gaynor.
O filme estreouse con música e efectos de son sincronizados. Aínda que non foi un éxito comercial, a súa excepcional calidade foi celebrada de inmediato. Na primeira cerimonia dos Oscars gañou na categoría “Unique and Artistic Picture” (nunca máis convocada) e premios á mellor fotografía (Charles Rosser e Karl Strauss) e mellor actriz (Janet Gaynor, tamén por outros dous filmes).
Sunrise deixou unha pegada inmensa noutros cineastas, por exemplo John Ford. O status de mestre de Murnau era incontestábel.
Fixo dous filmes máis que non tiveron boa acollida, 4 Devils (1928), hoxe perdido, e a sublime City Girl (1930), con Charles Farrell e Mary Duncan.
Tabu: a Story of the South Seas (1931), o seu filme final, fíxoo fóra da Fox. Inicialmente era unha obra a catro mans, na compaña do documentalista Robert J. Flaherty (Nanook of the North, Louisiana Story), mais o desencontro artístico entre os dous derivou en que no filme final só estea acreditado coma director Murnau.
O financiamento debía correr a cargo dunha pequena compañía, mais o diñeiro non chegaba e Murnau acabou por tirar adiante el só. Para aforrar, desfíxose dos técnicos de Hollywood e formou para esas funcións a xente do lugar.
Tabu levou na cuarta edición dos Oscars o premio á mellor fotografía (para Floyd Crosby). Murnau non viviu o suficiente para ver o filme estreado.
O 11 de marzo de 1931, días antes da estrea de Tabú, Murnau tivo un grave accidente de tráfico: o Rolls Royce no que viaxaba, conducido por un criado filipino de 14 anos, estampouse contra un poste ao manobrar para evitar un camión. Todos os pasaxeiros saíron ilesos mais o director levou un golpe fatal na cabeza e morreu horas despois.
Foi sepultado no cemiterio sudoeste de Stahnsdorf, preto de Berlín. Ao funeral celebrado nos Estados Unidos só asistiron once persoas, entre elas George O'Brien e Greta Garbo, que encargou unha máscara funeraria que gardou moitos anos. Hoxe está depositada no Filmmuseum de Berlín.