QUE PLURILINGÜISMO QUEREMOS?
Unha imaxe: a de tres irmás que a pesar do seu peso reciben exactamente a mesma ración de
comida diaria. Unha delas, a única filla biolóxica, está moi delgada, débil e non serve para traballar porque non ten forza; outra, medio-irmá, está bastante máis vigorosa pero é útil unicamente para a realización de certos traballos; a última, filla adoptada, é grande, forte e goza dunha férrea saúde polo
que é a requirida para os traballos importantes. Se os seus pais dan a todas a mesma ración de comida, que ocorrerá? NADA. Velaí o problema. Co tempo, todos verán a filla máis débil como un estorbo que non serve para nada e pode ata que a deixen morrer. Paradoxal, que dúbida cabe!, sendo ela a única filla de
dereito. Pois ben, así actuaron os nosos políticos, decidiron alimentar unicamente ás fortes e
denominárono “plurilingüismo”. Do mesmo xeito que no caso anterior, a filla máis débil está destinada a morrer pero, neste caso, decidiuse asestarlle o golpe definitivo defendendo que supón un risco para a súa
medio-irmá que, sen dúbida, se puidese consumir a comida da desaparecida sería moito máis forte. Namentres, a filla adoptada, aproveitando esta absurda discusión, come a ración das súas irmás deixándoas moribundas. A máis débil, á que só quedan migallas, pode que non dure moito. A súa medio-
irmá é posible que sobreviva pero a súa saúde resentirase. Ao final, de tres irmás só unha servirá para algo. Non sería mellor repartir a comida en función do estado de saúde de cada unha delas e lograr así, tres fillas fortes útiles para realización de calquera traballo?
Que temos agora?
Centros plurilingües que botaron a andar sen atender ao contexto
sociolingüístico no que se encontran e sen planificación adecuada.
Alumnado que non adquire as competencias básicas nin as competencias
lingüísticas propostas polo Marco Europeo Común de Referencia.
Alumnado que non lle saca rendibilidade á súa condición de bilingüe nativo.
Alumnado que accede a unha lingua estranxeira cando aínda non ten asentada
a súa lingua inicial, nin a outra lingua da comunidade. Profesorado sen formación suficiente (a titulación B2 ou a especialización de
inglés de CCs de educación non abonda).
Prexuízos graves desta situación
Peor formación xeral do alumnado e aumento do fracaso escolar. O alumnado bo segue as clases pero non entenderá moitos conceptos e o alumando menos bo nin segue as clases nin percibe os conceptos.
Discriminación da maioría do profesorado que non pode participar no concurso de traslados paralelo que privilexia a quen participa neste programa.
Que queremos? Plurilingüismo, pero inclusivo e con equidade.
Como se consegue? Co Tratamento Integrado de Linguas (TIL).
O TIL non é:
un reparto de linguas por materias.
aprender só inglés e castelán.
memorizar palabras e deixar de aprender contidos.
O TIL é: Aprender realmente moitas linguas pero partindo das dúas existentes na comunidade. Non se pode abandonar unha delas para aprender outra de fóra.
Partir dun enfoque comunicativo (ten que ter sentido o uso da lingua. O alumnado aprende linguas para usalas).
Explotar as estratexias de transferencia de linguas: conseguir desde a lingua propia saber como se xestionan as outras.
Facer unha planificación conxunta para traballar as linguas de forma relacionada.
Adquirir competencia plurilingüe e intercultural, cunha gradación do dominio das diferentes linguas.
Conseguir acordos e complicidades entre o profesorado e as familias.
Cada lingua que aprendemos non pasa a ocupar un oco no noso
cerebro, senón que temos unha competencia subxacente común
desde a que somos capaces de xestionar as linguas que aprendemos
[J. Cummins]
Se queres + información: www.coordinadoraendl.org/plurilinguismo/index.html
Recommended