Transcript
Page 1: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

TEMAS 2 e 3

Transformacións políticas e socioeconómicas no século XIX.

Revolución industrial. Liberalismo, nacionalismo e imperialismo: activismo

revolucionario para a transformación de Europa. Novo modelo social e

movemento obreiro. A exclusión das mulleres do espazo público e a súa

loita pola igualdade: sufraxismo e dereito á educación.

Introdución

A primeira metade do século XIX é a época do ascenso vertixinoso da

burguesía:

- É o momento no que se estende a revolución industrial: a revolución

tecnolóxica cambiará as formas de producir e os medios de comunicación,

modificará a economía e a organización social.

- É a época das revolucións liberais, que conseguirán impoñer o liberalismo

político na meirande parte de Europa e América.

- Esas fondas transformacións económicas, políticas, sociais e ideolóxicas

relacionadas fundamentalmente coa revolución industrial e as revolucións

liberais, trouxeron a imposición dun novo marco económico dominante: o

capitalismo.

- Tamén é a época do nacionalismo, que modificará o mapa creando novos

Estados.

A revolución industrial:

A mediados do século XVIII comezou en Gran Bretaña e se estendeu logo ao

resto de Europa, un proceso de cambio constante na produción industrial. O uso de

novas técnicas, fontes de enerxía e formas de organización do traballo provocou un

enorme crecemento da produción mecanizada de bens. Ao mesmo tempo vaise

producindo un cambio paralelo na sociedade e na vida cotiá: do campo á cidade; de

artesáns a traballadores e traballadoras non cualificados. Confórmase a sociedade de

clases.

Chamamos revolución industrial ao conxunto de cambios económicos e sociais

que marcan o paso dunha sociedade agrícola, rural e tradicional a unha sociedade

industrial, urbana e moderna. Así mesmo, esa revolución foi a orixe da diferenza

económica e social entre os países desenvolvidos, é dicir, os que se beneficiaron do

Page 2: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

proceso industrializador, e os países subdesenvolvidos, aqueles que mantiveron

sistemas de produción tradicionais.

A revolución industrial produciuse ao longo de varias fases. A primeira

revolución industrial comezou en Gran Bretaña nas últimas décadas do século XVIII

(en torno a 1780)1, e se estendeu por Europa e América ao longo do XIX. A segunda

fase comezaría en 1870.

Os factores da primeira revolución industrial:

O aumento da poboación. A partir da segunda metade do século XVIII a

natalidade mantívose alta, pero a mortalidade descendeu moito porque

aumentou a produción agrícola, remitiron as epidemias de peste

bubónica e apareceron as primeiras vacinas, como a da varíola.

Este aumento demográfico constituíu un importante factor no progreso

económico de Europa. Coma se fose unha reacción en cadea, un maior

número de persoas demandaba un maior número de produtos, é dicir,

houbo un aumento do consumo. Isto permitiu que a introdución de

novidades técnicas na fabricación resultase rendible. Asemade, este

aumento da poboación dotará de man de obra á industria.

A expansión agrícola. O primeiro que demandaba unha poboación en

crecemento era máis alimentos. Os cambios económicos iniciáronse no

sector primario:

o Aínda que a introdución de máquinas na agricultura (segadoras,

malladoras...) e o uso de fertilizantes químicos non se fixeron ata ben

avanzado o século XIX, no século XVIII houbo xa algún cambio que fixo

aumentar a produción. Un destes cambios foi a eliminación do barbeito

e a súa substitución pola rotación continua de cultivos, outro foi a

eliminación do arado de madeira e a súa substitución polo de ferro.

o Reformouse a gandaría. Parte das terras de cultivo dedicáronse a

producir forraxes para alimentar os animais (a rotación incluía estes

forraxes) e así aumentou o número de cabezas de gando.

Desenvolveuse a estabulación e a carne deixou de ser un alimento

unicamente ao alcance dos mais ricos.

o Cos cambios introducidos polos fisiócratas primeiro e cos liberais

despois (no XIX), as terras iran entrando no mercado e converténdose

nunha propiedade privada que pode mercarse e venderse. En Gran

1 Como curiosidade fixádevos que foi pouco antes da Revolución Francesa 1789.

Page 3: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

Bretaña, berce da revolución industrial, impuxéronse os cerramentos de

terras na segunda metade do século XVIII. O Parlamento británico2

elaborou leis que permitían a particulares mercar terras que antes eran

comunais. Isto fixo posible aumentar a superficie de cultivo e, por tanto,

a produción. Por outra parte, a progresiva privatización da propiedade

comunal tivo intensas repercusións sociais; numerosos campesiños

pobres quedaron sen recursos e tiveron que marchar dos campos cara

ás cidades industriais ou América para buscar novos medios de vida.

A revolución agrícola permitiu o aumento da poboación, liberou man de

obra do campo co aumento da produtividade e tamén proporcionou

materias primas para a industria.

Unha nova mentalidade: a ilustración e a fisiocracia defenderon a

racionalización, a busca do progreso e a importancia da agricultura

para a economía. O liberalismo do XIX defendía que o motor do

crecemento económico era a iniciativa privada. Así, consolidouse unha

nova forma de pensar e actuar, más aberta ao investimento, á

innovación, ao risco empresarial e á procura do beneficio. O traballo

pasou a considerarse unha virtude persoal. Fronte á mentalidade

rendista predominante nos propietarios nobres e eclesiásticos do Antigo

Réxime, xorde unha nova mentalidade que busca o aumento dos

beneficios, a introdución de melloras coa finalidade de aumentar a

produción e a produtividade.

A primeira revolución industrial (1780 – 1860)

En Gran Bretaña, ata finais do século XVIII3, as manufacturas elaborábanse en

pequenos obradoiros artesáns espallados polo territorio: todas as cidades tiñan varios

obradoiros que abastecían á poboación de manufacturas.

Os artesáns realizaban o traballo de forma manual: non usaban máquinas e só

se axudaban cunhas poucas ferramentas. Cada artesán realizaba as pezas completas

e controlaba o seu ritmo de traballo.

Desde finais do século XVIII, os obradoiros comezaron a ser substituídos por

fábricas, establecementos onde os obreiros e obreiras utilizaban máquinas para

2 Lembrade que mentres o absolutismo dominaba a meirande parte de Europa, en Gran Bretaña xa tiñan monarquía parlamentaria, con separación de poderes, con xuíces independentes, co lexislativo en mans do parlamento e a lei por enriba do monarca, que tiña só o poder executivo.3 En España e Galicia ata ben entrado o XIX non comezou propiamente a revolución industrial.

Page 4: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

traballar. As primeiras máquinas funcionaban cunha nova fonte de enerxía, o vapor,

que se xeraba queimando carbón mineral. En 1769 James Watt inventou a primeira

máquina de vapor perfeccionando sistemas anteriores.

A principal fonte de enerxía da primeira revolución industrial foi o carbón mineral

que movía as máquinas de vapor e que servía tamén para a fabricación de ferro. Os

sectores punteiros desta primeira revolución foron a industria téxtil algodoeira e a

industria siderúrxica.

A industria téxtil algodoeira foi a que máis integrou as innovacións técnicas. O

algodón chegaba a Gran Bretaña desde as colonias a baixos prezos. O algodón

permitía ben o fiado e o tecido con novas máquinas como o tear mecánico. Axiña os

produtos téxtiles británicos, baratos e de boa calidade inundaron os mercados

mundiais.

A industria siderúrxica alcanzou un gran desenvolvemento a mediados do século

XIX. A substitución do carbón vexetal polo carbón mineral (coque) impulsou a

construción de modernos altos fornos, nos que se producía gran cantidade de ferro

refinado. Entre 1720 e 1850 a produción de ferro multiplicouse por 100. A demanda de

ferro era moi elevada, pois este material utilizábase para elaborar as máquinas e as

ferramentas, e comezou a utilizarse para construír a rede de ferrocarril.

A aparición das fábricas tivo dúas consecuencias. Por unha parte, as actividades

industriais concentráronse en determinados lugares. Pola outra, modificouse a

organización do traballo: cada obreiro ou obreira especializouse nunha única tarefa do

proceso produtivo (división do traballo)4, tiña un horario fixo e debía traballar ao ritmo

que lle impoñía a máquina. Moitas veces o traballo así dividido non precisaba man de

obra especializada, o que facía que calquera puidera realizalo o que prexudicou aos

traballadores e traballadoras á hora de acordar as condicións de traballo.

A división do traballo aumentou a produtividade, é dicir, elaborábanse máis

pezas no mesmo tempo e co mesmo número de traballadores e traballadoras. Iso

abaratou os prezos dos produtos, que pasaron a estar ao alcance de case toda a

poboación; aínda que a falta de especialización e o aumento da man de obra, baixou

tamén os salarios e as condicións de traballo empeoraron.

4 Estes novos sistemas de organización do traballo desenvolvéronse máis na segunda revolución industrial, no último terzo do século XIX. O enxeñeiro Taylor creou un sistema chamado taylorismo, que dividía o traballo en tarefas pequenas cunha duración cronometrada con exactitude. O empresario Ford difundiu o fordismo: a produción en serie nunha cadea de montaxe.

Page 5: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

A segunda revolución industrial

A segunda revolución industrial, a partir de 1870, caracterízase pola entrada de

novas fontes de enerxía, novas industrias e o nacemento da grande empresa e a

banca moderna.

A electricidade e o petróleo foron substituíndo pouco a pouco ao carbón ata

usarse masivamente xa no século XX.

Xurdiu a industria eléctrica coa que se melloraron as máquinas das fábricas, os

transportes e as comunicacións (teléfono e radio). Así mesmo revolucionou a vida

cotiá ao xurdir a iluminación eléctrica.

Tamén se desenvolveu a industria química, outra das características propias do

noso tempo. Fabricábanse unha ampla variedade de produtos: explosivos, colorantes

e fibras sintéticas, fertilizantes, abonos químicos, produtos farmacéuticos e

fotográficos, plásticos, pinturas, perfumes....

A revolución dos transportes no século XIX

A produción industrial creceu a unha velocidade vertixinosa, pero os antigos

medios de transporte (barcos de vela, dilixencias...) eran lentos e tiñan pouca

capacidade de carga. Necesitábanse novos transportes para mellorar o comercio e

asegurar o aprovisionamento das fábricas e a distribución das mercadorías. No século

XIX a situación cambiou: apareceron o barco de vapor e o ferrocarril.

Esplendor da navegación

Nun primeiro momento5 introducíronse barcos de vapor para a navegación fluvial

mentres que nos mares seguían empregándose barcos de vela. Ao longo do século

XIX os barcos de vapor incorporaron cascos de ferro en lugar dos tradicionais de

madeira, e comezaron a usar hélices para a propulsión. Así foron desbancando aos

antigos veleiros pois os de vapor eran máis regulares (non dependen do vento) e

seguros.

A era do ferrocarril

5 En 1807 o estadounidense Fulton impulsou a primeira liña comercial con barcos propulsados por motor de vapor.

Page 6: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

Aínda que os déspotas ilustrados melloraron as estradas e pavimentaron moitas,

o transporte terrestre era lento e inseguro. Esta situación cambiou coa invención do

ferrocarril.

O ferrocarril era o resultado da conxunción de dous dos principais avances da

revolución industrial: a maquina de vapor, que se usaba para a propulsión da

locomotora, e a produción de ferro, que era a materia prima para a construción tanto

do tren coma dos raís sobre os que circulaba. En 1825, inaugurouse a primeira liña de

ferrocarril de carga en Inglaterra, e en 1830 a primeira para transporte de viaxeiros.

Os avances técnicos fixeron do ferrocarril un medio de transporte cada vez máis

rápido, seguro e barato, que aceleraba a industrialización por onde pasaba. Axiña se

multiplicaron as vías férreas por todo o mundo.

Coa segunda revolución industrial e a aplicación da electricidade, se

desenvolveron novos transportes como o ferrocarril eléctrico, o metro e o tranvía.

Consecuencias da revolución dos transportes

Os novos transportes, cada vez máis veloces, máis seguros e con maior

capacidade de carga, tiveron un forte impacto económico e social:

- Aumentou o comercio pois os tempos de travesía eran menores e se

reduciron os custes de transporte.

- Mellorou a dieta da poboación ao poder transportarse alimentos

perecedoiros.

- Favoreceu a emigración. A poboación aumentou a un ritmo que non tiña

precedentes6, iso sumado á mecanización do campo favoreceu á

emigración ás cidades, e como as cidades non puideron absorber todo o

éxodo campesiño, aumentou a emigración a outros continentes. A maior

parte dos emigrantes europeos dirixiuse a América, sobre todo a Estados

Unidos (que recibiu o 60% dos emigrantes), e tamén a Canadá, Brasil e

Arxentina.

- Comezou a aumentar a distancia económica entre os países desenvolvidos

e os subdesenvolvidos. Os países industrializados especializáronse na

elaboración de produtos manufacturados, que despois exportaban, mentres

que as colonias lles vendían materias primas aos países industriais. Os

6 Descendeu moito a mortalidade polos avances médicos, as melloras na hixiene e na alimentación. Por exemplo, melloráronse os servizos de sumidoiros, a recollida de lixo e de abastecemento de auga potable, multiplicáronse os hospitais ...

Page 7: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

países industriais non permitían o desenvolvemento da industria nos países

colonizados para asegurarse así a provisión de materias primas e o

mercado para vendelas, eliminando a competencia.

Sexa como sexa, podemos concluír que a revolución industrial é un proceso de

cambio constante e crecemento continuo no que interveñen innovacións técnicas

(máquinas) descubrimentos teóricos (ciencia), capitais e transformacións sociais,

acompañado por unha renovación na agricultura, que permite o desprazamento dunha

parte das masas campesiñas ás cidades. Desde a revolución agrícola – gandeira do

período neolítico non se producira unha transformación tan profunda dos sistemas de

traballo e da estrutura da sociedade. A cidade substitúe ao mundo rural; a máquina ao

traballo manual; a fábrica ao taller; o artesanado case desaparece; o número de

asalariados aumenta sen cesar; todo cambia; a transformación é revolucionaria.

O liberalismo político:

Cando a burguesía se decatou de que os reis absolutos non ían cambiar a

fondo o sistema político, económico e social, xurdiu a necesidade de alcanzar o poder

para conseguir realizar cambios profundos e acabar co Antigo Réxime. Chamamos

revolucións burguesas ao proceso de conquista do poder por parte da burguesía. O

exemplo mais claro foi a Revolución Francesa (1789).

O liberalismo político foi o pensamento no que se apoiaron as revolucións

burguesas. Esta ideoloxía política deriva do pensamento ilustrado: foron os

pensadores da ilustración os que aportaron os principais conceptos do liberalismo

como a separación de poderes (Montesquieu) o a soberanía nacional (Rousseau).

Os principios que defende o liberalismo son:

- Igualdade xurídica e dereitos naturais. O liberalismo considera, en teoría,

que todos os individuos deben ser iguais ante a lei e ter os mesmos

dereitos, ao contrario do que sucedía no Antigo Réxime, no que había

privilexios reservados a determinados estamentos. Defenden que hai unha

serie de dereitos fundamentais que teñen todos os seres humanos e que

toda sociedade e sistema político debe defender e protexer. Estes dereitos

naturais son a liberdade7, a propiedade e a igualdade ante a lei. Pero na

práctica limitaron dereitos como o político, xa que o sufraxio quedou

7 Liberdade de movementos, de residencia, de pensamento, de opinión, de relixión, de reunión, de asociación, de traballo, de empresa, de mercado...

Page 8: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

reservado aos homes que tiñan unha determinada capacidade económica

(sufraxio censatario), deixando fóra ás mulleres e a determinados grupos

pola súa cor ou etnia.

- Soberanía nacional. Fronte á soberanía real (do rei) de orixe divino

característica das monarquías absolutas do Antigo Réxime, o liberalismo

defendeu a idea da soberanía nacional, é dicir, a soberanía a ten o pobo.

- Separación de poderes. Fronte á concentración de poderes do Antigo

Réxime, o liberalismo defendeu a limitación do poder e a súa división

funcional en tres grandes áreas: executivo, lexislativo e xudicial, exercidas

por distintas institucións: Goberno, Parlamento e Tribunais. Con este

sistema pretendíase impedir as arbitrariedades e os abusos do poder.

- Constitucións escritas e declaracións de dereitos. A garantía dos dereitos e

liberdades e os poderes do Estado deben estar recollidos por escrito en

solemnes Declaracións de dereitos e fundamentalmente nunha constitución

ou lei suprema da organización do Estado. A primeira constitución foi a dos

EE.UU en 1787, seguida das constitucións da Francia Revolucionaria e a

Constitución española de 1812.

O liberalismo é a expresión ideolóxica dos intereses das clases burguesas,

convertidas nos grupos dominantes da sociedade no século XIX grazas ao

desenvolvemento e expansión da revolución industrial e o triunfo das revolucións

políticas.

Co paso do tempo o liberalismo dividirase en dúas tendencias:

O liberalismo doutrinario, que defende os intereses da clase alta:

soberanía nacional con sufraxio censatario.

O liberalismo democrático, que defende os intereses das clases

medias: soberanía popular e sufraxio universal.

O capitalismo:

As fondas transformacións económicas, políticas, sociais e ideolóxicas que se

produciron a finais do século XVIII e principios do XIX, relacionadas coa revolución

industrial e as revolucións liberais, trouxeron consigo a imposición dun novo marco

económico dominante: o capitalismo, caracterizado, entre outros trazos, pola defensa

da total liberdade económica como principio que debe dirixir o desenvolvemento.

Page 9: 4º historia temas 2 e 3 primeira parte

A base ideolóxica do capitalismo está no pensamento liberal e a súa

explicación teórica nas obras dos chamados economistas clásicos: Adam Smith e

David Ricardo, defensores da idea da plena liberdade económica como principio reitor

básico do desenvolvemento.

Adam Smith, no século XVIII, defendeu a liberdade como o principio que debe

rexer a actividade económica. Defendeu que o mercado baseado no libre xogo da

oferta e a demanda é a base da riqueza dos individuos e das nacións. O Estado debe

intervir só para impartir xustiza entre os particulares e garantir a liberdade económica.


Recommended